
Breogán Riveiro.
A película rodouse en catro semanas, en localizacións naturais situadas principalmente nos arredores de Celas de Peiro e no Monte Xalo, no concello de Culleredo, perto de A Coruña. Unhas localizacións que permitiron uns exteriores de gran beleza natural. Para os interiores contamos cunha casa con alpendre que facía as veces de establo. Ademais temos que agradecer a axuda da Policía Local do concello de Cambre -incluso un dos axentes participou como actor- e dos membros das agrupacións de Protección Civil de Culleredo e Cambre. A rodaxe desta pequena película supuxo unha curiosidade para os veciños de Celas, que nos acolleron marabillosamente ben e tiveron moita paciencia coas nosas continuas peticións de silencio e cos cortes de rúa.
A rodaxe bilingüe -en galego e catalán- funcionou sen problemas. Os actores conseguían o mesmo grao de complicidade que nunha rodaxe monolingüe, ou incluso máis, por poderen actuar todos eles na súa propia lingua. Debemos subliñar que os actores fixeron un traballo magnífico, baleirándose completamente en tomas dramáticas moi complicadas. Todo o equipo temos que agradecerlles o seu traballo e profesionalidade, sendo capaces de manter unha concentración e tensión dramáticas dificilísimas durante as esperas entre tomas e aportando as súas propias visións aos personaxes, creando vida alá onde antes so existía un personaxe en papel.
